Thursday 25 de April de 2024

O Concello pobrense achegará case 80.000 euros a entidades deportivas e educativas


O Concello da Pobra do Caramiñal aboará axudas aos eidos educativos e deportivos do municipio por un importe total de 78.000 euros, segundo explicaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Deportes e da Educación, Genoveva Hermo (Nós Pobra). Unhas cuestións que foron aprobadas na sesión extraordinaria do Pleno da corporación do 10 de novembro. Do total, 24.000 euros proceden dos orzamentos actuais e 54.000 euros do remanente de 2020.

Dunha banda, concédense 12.000 euros a entidades educativas e 60.000 ao ámbito deportivo a través de subvencións nominativas, para financia-los gastos dos anos 2018, 2019 e 2020. Máis polo miúdo, os organismos educativos beneficiarios son APA Bandaseca, ANPA Cadreche, ANPA O Areal, EEI Fernández Varela, CEP Pilar Maestú Sierra e CEP Salustiano Rey Eiras. No que respecta ás sociedades deportivas, na listaxe atópanse Club Tenis Punta Salera, Puebla C.F., Club Deportivo Marquiño, Club Remo Puebla, Asambal, Crocha Balompé, Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, Club Patinaxe A Pobra, Adeco-Dea, Club Aeromodelismo Furacán, Motoclub Sin Frenos, Arqueiros do Barbanza e Kempo.

A maiores, outórgase unha subvención de 6.000 euros ao Club Remo Puebla para sufragar parte dos gastos que asumiu pola organización da I Bandeira Camiño do Barbanza A Orixe, dentro da Liga Galega de Traiñeiras (LGT), e que se disputou en agosto deste ano.

A Administración local xa enviou cartas a tódalas organizacións para que vaian presentando a documentación xustificativa para, unha transcorrido o período de exposición pública a inicios de decembro, comezar a realiza-los pagos.